Friday 03 de May de 2024

A Xunta de Galicia organizou en 2015 unha vintena de campos de traballo internacionais, o 34% dos celebrados en España


Segundo o balance remitido polo Instituto da Xuventude (INJUVE) pertencente ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, ás Comunidades Autónomas, dos 59 campos de traballo internacionais que se puxeron en marcha este verán, 20 tiveron lugar en Galicia

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, organizou en 2015 o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance remitido polo Instituto da Xuventude (INJUVE) pertencente ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, ás Comunidades Autónomas Dos 59 campos de traballo internacionais que se puxeron en marcha este verán, 20 tiveron lugar en Galicia. Concretamente celebráronse nas 4 quendas nas Illas Cíes (Vigo – Pontevedra), Cotobade (Pontevedra), Ribadumia (Pontevedra), Illa de Cortegada (Vilagarcía de Arousa – Pontevedra), Ríos (Ourense), Muíños (Ourense(, Celanova (Ourense), Vilar de Barrio (Ourense), Xermade (Lugo), Quiroga (Lugo), Outes (A Coruña), 2 campos na Laracha (A Coruña), Ponteceso (A Coruña), Boqueixón (A Coruña), Rois (A Coruña) e Padrón (A Coruña).

A oferta para participar nesta experiencia de voluntariado e mobilidade contou en Galicia con máis 800 prazas. 465 destas prazas foron de acollida, en campos de traballo, e outras 334 foron de partida. Deste xeito, os mozos e mozas galegos puideron participar tanto nos campos de traballo galegos como nos que teñen lugar noutras comunidades autónomas (94 prazas), e en máis de 25 países de todo o mundo (240 prazas)

Os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade. Son accións voluntarias, que os mozos realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade.

Esta iniciativa promove a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal. Os campos de traballo fomentan asemade a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países. As quendas son de 10 ou 12 días ao longo do verán e os voluntarios poden participar en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento.

Campaña de verán
Nesta liña, a Campaña de Verán é un dos eixos principais da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Un programa que goza de gran aceptación entre a poboación xeral e no que a Consellería de Política Social traballa para chegar a un maior número de participantes, incrementando o número de prazas na medida do posible.

Así, o crédito destinado a este proxecto nos Orzamentos Xerais para 2016 acada os 2,3 millóns de euros o que supón un incremento do 10,82% sobre o orzamento de 2015.